Thursday 02 de May de 2024

A Pobra conmemorará o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia con obradoiros STEAM para a rapazada


Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, no 11 de febreiro, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), organiza para a rapazada uns obradoiros STEAM (as siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas). A finalidade desta actividade é dar maior visibilidade entre as crianzas aos roles das mulleres no sector das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) e motivar así as súas vocacións no eido tecnolóxico.

Destinados a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos, nestes talleres efectuarase a realización de circuítos eléctricos con materiais innovadores en tecnoloxía coma son os papeis, cintas adhesivas, rotuladores condutores, tecidos ou fío, os cales permiten unha maior aplicación do pensamento creativo. Preténdese así potenciar as competencias STEAM dun xeito máis inclusivo, facendo a tecnoloxía máis atractiva para as persoas e colaborando a combate-la fenda de xénero nas ciencias dende a infancia.

Os obradoiros desenvolveranse na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal e establécense dous grupos: o primeiro comprende a cativas e cativos de 6 a 9 anos, en horario de 17.00 a 18.00 horas, e o outro vai dende os 9 aos 12 anos, dende as 18.30 ata as 19.30 horas.

As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. Para tal fin habilítanse dúas vías: o teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6, e o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.